Chispas Inclusivas: pequenas ideas para transformar o teu deseño
- Lara Crespo
- 17 jun
- 2 Min. de lectura
Durante moito tempo, pensaba que eu non era unha persoa especialmente creativa. Facíaseme difícil atopar ideas orixinais, deseñar propostas distintas ou saírme do típico. Pero co tempo descubrín algo importante: ás veces, o que precisamos non é inventar dende cero, senón atopar unha chispa que nos desbloquee, que nos axude a mirar as cousas doutra maneira. Iso foi o que me inspirou a crear estas tarxetas.
As Chispas Inclusivas nacen co obxectivo de acompañar ao profesorado na creación de actividades multinivel accesibles e inclusivas, que teñan a todo o alumnado presente dende o inicio e que conecten mellor coas necesidades reais do alumnado. Non son fórmulas máxicas nin recetas pechadas. Son pequenas ideas, potentes e abertas, pensadas para estimular a creatividade e transformar o deseño das túas propostas de aula.
Detrás destas tarxetas hai unha mirada moi clara: a do modelo social da inclusión e o enfoque do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA). Estes marcos axúdannos a deixar de pensar que o problema está no alumnado, e comezar a ver que a inclusión está no propio deseño da experiencia de aprendizaxe.
Se queres afondar máis nesa perspectiva e aprender a aplicala paso a paso, podes botarlle un ollo ao meu Curso DUA, onde explicamos como construír propostas accesibles dende o deseño. Trátase dun curso reflexivo pero moi práctico!
E como se usan as tarxetas? Moi sinxelo. Tes dúas versións:
unha versión dixital: unha versión pensada para consultar dende calquera dispositivo electrónico e
unha versión imprimible: unha versión para imprimir, recortar e plastificar e ter as tarxetas sempre dispoñibles cando esteas deseñando ou cando na túa aula te quedas sen ideas de como continuar unha clase.
En cada tarxeta atoparás unha idea concreta que podes aplicar ou adaptar. Recoméndoche usalas cando queiras desbloquear ideas, mellorar unha proposta que xa tes ou como punto de partida para unha sesión de planificación. Iso si: antes de aplicar calquera delas, lembra facer sempre unha análise das barreiras que poida haber na túa aula.
🔗 Descarga aquí as tarxetas versión dixital para velas cando queiras
🔗 Descarga aquí as tarxetas en versión imprimible
📢 Se che gustan, comparte! Se esta chispa che serviu, axúdame a facer que cheguen a máis profes: comparte esta publicación ou algunha das tarxetas nas túas redes sociais. Se o fas, etiquetame nas túas redes sociais (IG: @laracrespo_edu; BlueSky: laracrespo.bsky.social; IN: Lara Crespo) ou usa o hashtag #ChispasInclusivas para que poida ver como as usas ✨
コメント